Saturday 20 de April de 2024

A Consellería do Mar inviste máis de 100.000 euros en melloras de seguridade no porto de Santa Cruz, en Oleiros


Portos de Galicia está a executar a obra de estabilización dos noiros do peirao así como a instalación de nova varanda e reparación do firme

A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, está a desenvolver unha actuación de mellora e reforzo da seguridade no porto de Santa Cruz, no municipio coruñés de Oleiros. O ente público que preside José Juan Durán, vén de iniciar os traballos que permitirán minimizar riscos para o tránsito peonil na zona.

En concreto, Portos de Galicia está a executar as obras de estabilización dos noiros colindantes co paseo portuario, que sufriran derrubes parciais e desprendementos a consecuencia dos fenómenos meteorolóxicos adversos. Dado que se trata dunha zona de titularidade compartida de Portos e o Concello, as obras tramitáronse de xeito conxunto entre ambas administracións, o que incrementou os trámites previos ao inicio de obra.

Os traballos consisten na construción dun muro de contención ao pé do desnivel. Este muro será de formigón armado de dous metros de alto e cun manto exterior de cachotería de medio metro de espesor. Así mesmo, foron necesarias diversas actuacións previas de desmontaxe de mobiliario urbano na zona para permitir o acceso da maquinaria e diversos estudos xeolóxicos para coñecer o comportamento preciso do terreo na zona.

Esta actuación complétase coa reposición dun tramo de varanda no bordo portuario así como a reparación do firme nas zonas danadas. En total contará cun investimento superior aos 100.000 euros e o prazo de execución previsto é dun mes se as condicións meteorolóxicas o permiten.